Roteiros verdes, historia a cada paso, o Camiño do Norte… a Mariña lucense goza dunha privilexiada situación que lle permite sorprender ao camiñante e a todo aquel que se deixe namorar pola luz que inunda paisaxes verdes ao lado do mar salpicadas polas poboacións que compoñen esta comarca lucense.

Se vos queredes deixar enlear agardade que vos conte unha historia do camiño do mar a pe, que comeza no Parador de Ribadeo, acolledora e señorial, de costas a ría de Ribadeo. Desde alí pódese visitar unha vila inzada de edificacións colonais de entre as que chama a atención dúas: un pazo neoclásico, actual sede do Concello de Ribadeo, que foi a residencia do Marqués de Sargadelos e a Torre dos Moreno, modernista construción de comezos do s. XX. As casas dos indianos que salpican as rúas de Ribadeo falan da súa época de maior esplendor, cando o porto de Ribadeo estaba á cabeza do transporte de mercadorías, especialmente madeira e ferro extraído das mina de Villaodriz, en funcionamento ata a década dos 60, e punto de especial interese para coñecer e entender a historia da Mariña.

Galería 3

Ao pé do camiño atopamos a vieira que marca o Camiño do Norte

Unha historia que atopamos a cada paso. Como as cunchas que marcan o Camiño do Norte que entra a Galicia por Ribadeo procedente de Castropol ou de Figueras, desde onde o peregrino chegaba á ría de Ribadeo a través dunha barquería benéfica percorrendo un camiño paralelo á costa cheo de verdes e leves costas que encamiñan os seus pasos á monumental Mondoñedo, sé episcopal e unha das sete capitais do antiguo Reino de Galicia.

Declarada conxunto histórico-artístico, o peregrino chegaba a ela por unha rúa que hoxe se chama precisamente do Camiño Norte, que os levaba ata a Praza da fermosa catedral. Unha vila chea de patrimonio cultural, relixioso e histórico que podedes percorrer da man dun singular guía turístico como Suso Martínez, da man de Tee Travel, que nos ofrece este pack viaxero no que se combina á perfección a natureza, a historia e a gastronomía. Este historiador e defensor de Mondoñedo contaxia a cada paso o amor por esta vila, glosando sin parangón, con humor, misterio e retranca os principais fitos históricos que convirten a Mondoñedo nun referente na nosa historia como galegos, con especial mención ao seu relato sobre o infeliz destino do Mariscal Pardo de Cela.

Galería 5

As mans da alfareira

Pero se nos abonda de historia e queremos cambiar o gris da pedra polo rumor do torno, aínda podemos dar un paseo polas rúas mindonianas e achegarnos ata o obrador de Chus Lage, onde descubriremos a paixón por un traballo artesanal e polo mantemento da tradición dos alfares da vila, onde chegaron a coexistir máis de 20 obradoiros. Situado no barrios dos Muiños, o alfar de Chus Lage permítenos unha viaxe no tempo, grazas ao seu forno de leña e a exposición de pezas tradicionais, sen esquecer que esta apaixonada do torno de suaves mans explica de xeito didáctico todo o proceso de preparación da alfarería. Un verdadeiro luxo.

Barro, cerámica, madeira pero tamén ferro… e natureza. O paso pola Mariña lucense non pode estar completa sen unha visita ao centro de visitantes de A Pontenova, ao pé dos fornos de tratamento do mineral, onde poderemos coñecer a historia da explotación do mineral e seguir o camiño da antiga vía do tren que comunicaba a principios do século XX as minas de Vilaoudriz co porto de Ribadeo. Este trazado incluido dentro das chamadas Vías Verdes, percorre dez quilómetros onde se mesturan distintas superficies: o asfalto da paso á terra e logo as pedras que nos lembran que viaxamos sobre as travesas da vía férrea. Travesas que nos lembran vellos trens de transporte que traspasaban os montes da zona a través de varios túneles que percorren esta vía estreita que se empregou para levar o mineral ata o mar. Gozaremos da quietude da natureza e da forza do río ao noso carón, dos soutos e dos hórreos nun traxecto que ben pode facerse a pé ou en bicicleta.

Galería 4

Entrada dun dos túneles que conforman a Vía Verde

Sexa cal sexa o transporte escollido, deberemos dar descanso ao corpo e aos sentidos gozando da gastronomía local ben representada por establecementos clásicos como o San Miguel, no porto deportivo de Ribadeo, no que degustar pastel de cabracho ou unha pescada fresca; a Casa Damián, en Foz, ou A Cofradía de Pescadores, famosa polo seu arroz caldoso con mariscos, en Rinlo. Desde alí tamén nos quedará a tiro de pedra outra das grandes postais da Mariña lucense, quizáis a máis coñecida pero non sempre valorada Praia das Catedrais, que merece moito máis que unha visita a pé de area. Para iso nada mellor que percorrer a ruta perfectamente sinalizada que nos leva paralelos á esta agreste e fermosa costa corcomida polos envites do mar, paraíso dos surfistas e dos amantes dunha boa paisaxe.

P1080247

Cetárea en Rinlo

Unha costa que tamén nos ofrece a sorpresa de redescubrir as cetáreas que funcionaron en Rinlo a comezos do s.XX, cando se aproveitou unha entrada natural do mar para levantar un muro de conteción da auga e comezar a explotación. O éxito levou a construir dúas máis, así como outros edificios anexos, con balsas para o marisco ás que se bombeaba auga desde o mar. Nos anos 90 as tres cetáreas pecharon, deixando ás instalacións na situación de actual abandono que agora viven, agardando unha nova oportunidade como punto de atención turística e de recuperación deste fragmento da historia da Mariña lucense, unha visita imprescindible nesta comarca chea de posibilidades.