Kamek, corredor atlántico-mediterráneo de cervexa artesá
Hai tempo lía nalgunha parte que as augas do Atlántico e do Mediterráneo non se modían misturar porque teñen diferentes densidades, temperatura e salinidade. As augas non sei pero as cervexas e os coñecementos cervexeiros desde logo que sí. E precisamente deste intercambio atlántico-mediterráneo sae a cervexa artesá Kamek. Elaborada en Cangas pero con un espírito que aúna as augas do Atlántico e Mediterráneo, a Kamek nace da colaboración entre Menduiña e os cataláns de L’Anjub e desde hai un par de meses ábrese paso entre os padales dos amantes das cervexas artesáns. Sobre todo dos padales masculinos acostumados a unha cervexa de grande amargor, xa que estamos fronte aos 92 Ibus – o baremo que marca o amargor da cervexa, por simplificar-, o que a converten na primera India Pale Ale (I.P.A.) comercializada en Galicia.
Precisamente ese era o obxectivo co que estas dúas cervexerías artesanías afrontaron esta colaboración, unha unión temporal na que dalgún xeito une Galicia e Catalunya, reforzando a conxunción e os puntos en común que unen ambas as dúas culturas. De feito a etiquetaxe da cervexa fíxose nos dous idiomas. Concebida a comezos de decembro de 2012, os seus creadores explican que a idea era crear un novo produto para presentar na Barcelona Beer Festival en marzo de 2013. Un produto que obtivo unha excelente acollida e que segue gañando adeptos tamén a nivel consumidor, onde está funcionando moi ben.
“Decidimos sacar adiante esta cervexa con eles (L’Anjub) pola boa amizade que nos une e porque ningún dos dous tíñamos no mercado esta variedade de cervexa”, aseguran Alberte e Valeria, responsables de Menduiña, que nos explican tamén que estamos fronte a un tipo de cervexa que “está en auxe, rescatado das tradicións británicas e revalorizado polos estadounidenses, que neste momento son líderes neste sector de produtos artesáns e alternativos”. Unha cervexa que sorprenderá a aqueles que non estean familiarizados co Pale Ale e as elaboracións moi lupuladas, pois na Kamek é moi salientable o seu aroma lupulado no que destaca a súa cor alaranxada e os seus toques cítricos, resinosos e herbais.
Elaborada con auga auga galega, maltas Pale Ale y Ámbar, lúpulos Pacific Gem y Summit nas instalación de Menduiña en Cangas – de aí o seu nome, xa que Kamek signfica Cangas en gaélico- estamos fronte a unha creación conxunta de tan só 1000 litros, que é o que Menduiña produce en cada lote.
“A receita foi feita en conxunto”, explican os cangueses, coas materias primas que xa coñeciamos ambas empresas, xa que traballamos cos mesmos proveedores. Por iso a xente de L’Anjub desprazouse ata Cangas exclusivamente para levar a cabo a maceración e cocción, (facer o mosto), “o resto do proceso dos meses seguintes (fermantación, maduración e envasado) e o seu coidado levámolo a cabo nós en Cangas, loxicamente por unha cuestión de practicidade”, explican en Menduiña.
Para os que somos alleos á materia e a elaboración da cervexa aseméllasenos á creación da pócima do druida de Asterix e Obelix, sorprende a normalidade coa que estes artesáns da cervexa explican o proceso, o cal non quere dicir en absoluto que sexa unha cuestión sinxela. De feito para a elaboración da Kamek Menduiña e L’Anjub mantiveron as súas xuntanzas, acordaron pautas de traballo e botaron man da súa experiencia como Mestres Cervexeiros para obter este produto tan singular.
Pero as mentes de Menduiña seguen a cocer máis cousas. Cando falabamos con Alberte e Valeria da Kamek sae tamén á palestra a Demo Neghro (Imperial Stout) madurada con maderia de carballo e que tamén acaban de sacar e nos anuncian que en xuño presentarán un novo membro da familia Menduiña, a Santa Compaña (Barley Wine) tamén madurada con madeira de carballo durante 7 meses e cun grao alcoólico dun 10%. Seguro que xa están a pensar novos produtos cos que soprender e educar o noso padal polo que non os perderemos de vista.